Universidade da Coruña. Xurxo Mariño Alfonso (Lugo, 1969) é biólogo e Doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela (1998), profesor do Departamento de Medicina da Universidade da Coruña. Membro da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega e do grupo de investigación Neurocom da UDC, así como de varias sociedades científicas españolas e internacionais. Publicou traballos de investigación en diversas revistas especializadas e colaborou co Massachusetts Institute of Technology (MIT). O seu traballo de investigación en neurobioloxía centrouse no estudo dos mecanismos sinápticos de distintas vías sensoriais a nivel talámico e pretalámico, na interacción tálamo-cortical e na regulación dos niveis de actividade global do ciclo soño-vixilia. Paralelamente, desenvolveu software especializado de estimulación, rexistro e análise electrofisiolóxico, e colaborou no desenvolvemento de ferramentas estatísticas de análise. Realiza múltiples actividades de divulgación do coñecemento científico, procurando ademais a interacción co mundo das humanidades. Publicou os libros “Os dados do reloxeiro. Ciencia amena para mentes inquietas” (Consello da Cultura Galega, 2005), “Po de estrelas” (Consello da Cultura Galega, 2008) e “Neurociencia para Julia” (Laetoli, 2013); colabora entre outros co portal Culturagalega.org na sección ADN e co portal Naukas.com; organiza “cafés-teatro científicos”, unha actividade divulgativa que leva a ciencia aos bares; e desenvolve outras actividades de divulgación como os “Discurshows” - mestura de charla e teatro -, ou os “monólogos” do espazo de ciencia e tecnoloxía da TVG “Conexións”. Acaba de escribir un novo libro, de viaxes e divulgación científica, no que conta as experiencias vividas durante unha viaxe de 11 meses ao redor do mundo. No ano 2011 foille concedido o Premio Especial do Xurado do “I Certame FECYT de Comunicación Científica”. En 2014 recibiu o Premio Tesla de divulgación.
|